Previa da xornada 23 no grupo I de Terceira División

Previa da xornada 23 no grupo I de Terceira División

Compostela – Vilalbés

O Compos, líder do grupo, adoptou a velocidade de cruceiro, que non é outra que a de sumar de tres en tres todas as semanas. Polo momento, os santiagueses colleitan sete vitorias consecutivas, e buscarán a oitava en San Lázaro ante o Racing Vilalbés, a fin de seguir aumentando a súa vantaxe no alto da táboa. Os chairegos, que veñen de recuperar a cuarta posición tras golear ao Barbadás, saben que deben sacar resultados positivos deste tipo de enfrontamentos directos se queren aspirar a finalizar a tempada en postos de promoción de ascenso.

Barco – Silva

Interesante encontro entre dous dos equipos inmersos na loita por estar arriba. O Barco, afincado na terceira praza, quere dar continuidade á súa excelente dinámica (seis vitorias e un empate nos últimos sete) e, xa de paso, ampliar a súa distancia co seu rival desta fin de semana. Pola súa banda, o club herculino segue na procura da súa mellor versión, aquela que amosou nos primeiros compases da tempada e que lle fixo candidato a soñar co ascenso.

Bergantiños – Ourense

Non era un partido doado o que disputou o Bergantiños en Boiro a semana pasada, pero foi quen de impoñerse na Barraña para sumar tres puntos que o manteñen na segunda posición. Agora, volven a terras carballesas para recibir ao Ourense CF, que chega ao envite un tanto atascado tras oito partidos sen coñecer a vitoria, pero aínda coa tranquilidade de ter unha decena de puntos de vantaxe sobre os postos de descenso.

Somozas – Ribadumia

O empate ante a Silva puxo fin a una racha de cinco triunfos consecutivos por parte do Somozas, pero a fin de contas un punto na casa dun rival directo non é mal resultado. Os de Míchel Alonso intentarán, como di o tópico, facer bo o empate conseguindo unha vitoria na súa casa, ante o Ribadumia. O conxunto pontevedrés ven de dúas derrotas consecutivas e atópase nun posto cómodo en metade da táboa.

Cultural Areas – Laracha

Encontro determinante na zona baixa da táboa, deses que en Reino Unido adoitan denominar ‘six-pointer’ debido a que son relevantes non so polos puntos que pode gañar un equipo senón tamén polos que deixa de gañar o outro. O Areas, con 20 puntos, e o Laracha, con 18, son os dous clubs que están xusto por enriba do descenso. Os ponteareáns chegan en dinámica ascendente (9 puntos gañados dos últimos 15), e o Laracha en tendencia descendente (3 dos últimos 24), pero neste tipo de partidos é difícil falar de favoritos.

Verificar artículo horizontal

Noia – Negreira

Outro partido importante na loita pola permanencia. Noia (vixésimo) e Negreira (décimo sétimo) queren fuxir dos postos de descenso. Os locais, a seis da salvación, precisan dunha vitoria balsámica que lles permita aproximarse ao resto de equipos implicados, mentres que os visitantes, que levan en descenso dende a xornada cinco, teñen altas posibilidades de saír do pozo se conseguen os tres puntos. Amais, o partido ten ese punto de rivalidade que lle dá o feito de que ambas localidades pertenzan a comarcas limítrofes.

Barbadás – Boiro

Tras acadar valiosas vitorias hai dous fines de semana (o Barbadás nun duelo directo ante o Laracha, o Boiro na casa ante o Vilalbés), tanto un coma outro obtiveron sendas derrotas. O Barbadás agárrase ás súas boas últimas actuacións na casa para confiar en sacar un triunfo que lle axude a eludir o descenso, mentres que o Boiro quere queimar as naves para intentar achegarse aos postos de promoción, que agora mesmo ten a seis puntos. Un tropezo nos Carrís deixaríalles máis preto da intranscendencia da zona media ca da pelexa polos postos de honra.

Alondras – Vilalonga

Parecía que o Vilalonga podería romper a súa dinámica negativa a pasado fin de semana, cando se adiantou ante o Arosa no minuto 80 de partido, pero dous tantos visitantes imposibilitaron o reencontro cunha vitoria que se resiste dende a xornada 7. Este domingo o Vilalonga, penúltimo clasificado, visita ao Alondras, que se atopa a cinco puntos de cuarta praza. Deste modo, ambos equipos teñen algo polo que loitar, aínda que os seus obxectivos sexan radicalmente diferentes.

Céltiga – Choco

A última derrota do Céltiga deixouno nunha posición un tanto incómoda, a medio camiño entre as posicións de descenso e a zona media da táboa. Os seus 23 puntos déixanlle con so seis de marxe sobre o descenso, polo que non poden, nin moito menos, confiarse. O Choco, pola súa parte, realizou un conato de remontada tras un mal inicio, pero leva algunhas semanas perdendo solidez e a distancia coa cuarta posición (oito puntos) semella difícil de recortar.

Arosa – Arenteiro

O Arosa está nunha situación similar á do Choco. Actualmente é o noveno clasificado, e precisará dunha melloría ostensible para poder aspirar a estar na zona alta. Esta fin de semana recibe ao Arenteiro e buscará un triunfo que lle sirva para aproximarse lixeiramente aos postos nobres. Os do Carballiño cortaron a última fin de semana unha mala dinámica cunha vitoria ante o Céltiga que lles fixo subir ata a undécima posición, e en principio non deberían pasar apuros para manter a categoría.

Ver clasificación e calendario

Artículos relacionados