Previa da xornada 20 no grupo galego de Terceira División

Previa da xornada 20 no grupo galego de Terceira División

Silva – Compostela

O líder do grupo e principal favorito ao ascenso comeza o ano cunha saída complicada: o cadro santiagués visita A Coruña para enfrontarse á SD Silva, cuarta clasificada. O equipo dirixido por Yago Iglesias encadeou catro vitorias consecutivas antes das vacacións de Nadal, e tentará dar continuidade á súa boa dinámica para manterse no alto da táboa. No outro lado, o conxunto coruñés agarda que o descanso lle servise para atoparse de novo coa súa mellor versión, pois na primeira volta foi claramente de máis a menos, malia que mantén, de momento, a súa praza de promoción de ascenso.

Rácing Vilalbés – Bergantiños

Encontro interesante na parte alta da táboa entre o quinto e o segundo clasificado. O Bergantiños, un dos equipos máis regulares e sólidos da división, viaxe ata a Terra Chá para verse as facianas co Rácing Vilalbés, que leva varias semanas afincado no quinto posto, actualmente a tan só un punto das posicións de promoción de ascenso das que tan preto quedou o ano pasado. O cadro carballés, que venceu por 4-1 na primeira volta, conta con Rubén Rivera, máximo artilleiro da competición con doce tantos, pero que non foi quen de anotar nos últimos tres partidos.

Vilalonga – Barco

O Club Deportivo Barco está a vivir un dos mellores momentos da súa historia. O conxunto da provincia de Ourense ocupa a terceira posición e chega ao inicio da segunda volta coa ilusión polas nubes despois de pechar o 2017 cunha fantástica racha de trece puntos de quince posibles e ningún gol encaixado nos catro últimos partidos. Ante el estará o Vilalonga, que acumula sete derrotas consecutivas e ven de caer a postos de descenso a Preferente na derradeira semana do ano.

Laracha – Boiro

Nin Laracha nin Boiro están inmersos en dinámicas positivas. Os locais colleitaron seis derrotas consecutivas que contribuíron a reducir a súa vantaxe con respecto aos postos de descenso, ata deixar esta diferenza nunha única unidade, e precisa volver a puntuar canto antes para inverter a situación. Porén, o Boiro non é o rival máis doado de vencer, a pesar de que perdeu os seus dous últimos compromisos a domicilio, tropezos que propiciaron a súa caída dos postos de acceso á promoción de ascenso. O cadro do Barbanza chega nun momento lixeiramente convulso despois da marcha de José Luis Lemos, ata agora adestrador do equipo.

Choco – Cultural Areas

O Choco ilusiónase coa posibilidade de volver a xogar unha fase de ascenso a Segunda B, tal e como fixo en 2015 e 2016. Para iso, aférrase á súa recuperación e á súa solvencia cando xoga en Santa Mariña, pois os seus rexistros como local son fabulosos: sete vitorias, un empate e unha derrota. Os de Redondela están a seis puntos da cuarta praza, polo que deberían reaccionar xa para engancharse ao vagón de cabeza. Esta fin de semana reciben á Cultural Areas, que grazas ás súas dúas últimas vitorias logrou saír do descenso por primeira vez tras unha ducia de xornadas instalada nel.

Clasificación3Itrasjornada19

Ribadumia – Barbadás

O Barbadás respira. Despois dunha nefasta racha de doce xornadas sen gañar, o último mes da primeira volta soubo rexurdir dos infernos e sacar dúas vitorias que manteñen intactas as súas posibilidades de salvación. De todos xeitos, o equipo ourensán continúa en postos de descenso, polo que debe seguir loitando se quere vivir a súa sétima tempada consecutiva en Terceira. Esta fin de semana visita o campo dun Ribadumia que transita en terra de ninguén: demasiado lonxe do ascenso e cun bo colchón sobre o descenso.

Ourense – Arosa

O Ourense CF chega ao ecuador da competición nunha cómoda undécima posición, e a priori a súa estadía en Terceira non debería correr perigo, algo que non está nada mal para un club que acaba de chegar á categoría. No caso do Arosa, as sensacións transmitidas son mellores ca os puntos que constan na clasificación. O seu problema é a cantidade de empates que concede (nove), que implican unha perda considerable de puntos. Secasí, aínda está a tempo de loitar por estar arriba, pero non ten moito marxe de erro.

Arenteiro – Somozas

Dinámicas opostas nun encontro que enfronta a un equipo que perdeu os seus últimos catro envites (o Arenteiro) e outro que gañou os últimos tres (Somozas). O club do Carballiño sumou unha boa chea de puntos na primeira volta, pero as derradeiras actuacións indican que non debe relaxarse se non quere que a tempada se lle faga moi longa. O Somozas, pola contra, vai lanzado e coa mirada fixa nos postos de promoción de ascenso, para así cumprir o obxectivo co que comezaba a campaña.

Noia – Alondras

Tras un pequeno conato de mellora, o Noia regresou ao fondo da táboa, pero polo menos non está demasiado afastado da salvación, que ten a catro puntos. Os noieses, que tentarán eludir o descenso a Preferente para evitar a etiqueta de equipo ascensor, precisan un cambio para a segunda metade da competición, e todos os puntos contan. Iniciará a segunda volta ante un Alondras que, con trinta puntos, tamén está ante a súa última oportunidade de achegarse á zona alta. De non facelo, probablemente quedará condenado a manterse na zona intranscendente da clasificación.

Negreira – Céltiga

Non está sendo unha tempada ideal para o Negreira, situado no penúltimo posto da táboa, a tres da permanencia. Emporiso, as malas dinámicas de Laracha e Vilalonga permiten respirar aos clubs que están no descenso, porque ultimamente calquera punto é útil para recortar distancias. Aínda así, o Negreira precisa a vitoria ante un Céltiga que rematou o 2017 cunha vitoria e un empate que lle permitiron ampliar diferenzas coa zona baixa, pero que segue metido na loita e aínda lle queda moito que remar.

Máis información en Siguetuliga

Artículos relacionados